Desde setembro de 2023 e ata agosto de 2026, a Universidade de Vigo lidera o desenvolvemento do proxecto estatal Dual-Dig, no que dez institucións académicas traballan arredor dos desafíos, metodoloxías e boas prácticas na titorización das prácticas de programas de formación dual. Os seus socios reúnense este xoves nun seminario no País Vasco no que diferentes axentes implicados nesta formación dual expoñen as súas experiencias e visións.
Dual-Dig ten como investigadora principal a Manuela Raposo, profesora da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. Con ela participan desde o Departamento de Didáctica e Organización Escolar da UVigo Esther Martínez, Jesica Abalo, Silvia Sierra, Olalla García e José Antonio Sarmiento, e desde o Departamento de Psicoloxía da Educación Fernando Tellado. O proxecto está financiado pola Agencia Estatal de Investigación, do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, cofinanciado con fondos Feder da Unión Europea. As universidades participantes na iniciativa son de Vigo, Santiago de Compostela, Málaga, Granada, Jaén, País Vasco, Valencia e Barcelona, a University of Cologne de Alemaña e a Universidade Aberta de Portugal.
O 13 de novembro de 2024 celebrouse na Facultade de Formación do Profesorado de Lugo a xornada “Retos para os programas de formación dual nun mundo dixital”, un evento que reuniu a expertos en formación dual para debater sobre os retos e oportunidades que supón a integración da tecnoloxía neste modelo educativo.
No acto participaron investigadores e docentes de diversas institucións, entre elas a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade de Vigo (UVIGO). Durante o encontro abordáronse temas fundamentais, como o impacto da formación dual na inserción laboral, o papel dos titores e empresas colaboradoras, así como o uso das ferramentas dixitais na titoría neste contexto.
O programa incluíu dúas mesas redondas coordinadas por especialistas no ámbito educativo, nas que se trataron os elementos esenciais da formación dual e as novas demandas dun mundo dixitalizado. Ademais, os grupos de traballo analizaron boas prácticas e formularon conclusións que servirán de referencia para o futuro deseño de programas de formación dual na universidade.
Este evento organizouse no marco do proxecto de investigación PID2022-141325NB-I00, consolidando a colaboración entre universidades e centros educativos para promover a formación dual adaptada aos retos da era dixital.
A Formación Dual Universitaria (FDU) está a experimentar un notable auxe en España. Tras máis dunha década de desenvolvemento na Formación Profesional, a dual comeza a abrirse paso na universidade. Así o evidencia o primeiro estudo que analiza a situación deste modelo no territorio nacional, que destaca o feito de que unha de cada tres universidades españolas (o 37%) conta xa con algunha titulación dual, mentres que preto da metade (o 48%) ten plans de implementala. A análise, titulada ‘Radiografía da Formación Dual Universitaria en España’, foi promovida pola Fundación Bertelsmann xunto coa Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas e a Universidade de Mondragón e presentouse o pasado 14 de outubro en Madrid.
A diferenza das prácticas curriculares, na FDU a empresa ou entidade colaboradora participa, xunto coa universidade, na elaboración de parte do plan de estudos. A remuneración é obrigatoria e o tempo que o estudantado pasa na empresa/entidade formándose é maior que nas prácticas. Así, a conexión directa dos alumnos co mundo empresarial fai que estes estean máis capacitados para enfrontarse aos desafíos das transformacións sociais, tecnolóxicas e económicas no mercado laboral.
“Até hai pouco, a dual universitaria era unha característica propia do sistema universitario vasco”, afirma Jon Altuna, vicerreitor académico de Mondragon Unibertsitatea, “e estaba presente tamén de maneira puntual nalgúns centros universitarios, como a Universidade de Lleida ou a Universidade de Almería. Porén, observamos que o interese por esta modalidade formativa se foi estendendo recentemente ao conxunto das universidades españolas. Ante as perspectivas de maior empregabilidade e maior grao de satisfacción do estudantado, as universidades españolas comezan a mostrar un gran interese por incluír a dual na súa oferta formativa”.
O auxe da dual universitaria en España
Das 17 Comunidades Autónomas, 11 delas ofrecen actualmente estudos universitarios duales. País Vasco é, con diferenza, o territorio co maior número de titulacións deste tipo (30 graos e 17 mestrados), debido sobre todo á aposta de Mondragon Unibertsitatea, que se consolida como a universidade co maior número de titulacións duales e unha taxa de emprego dos seus alumnos do 91%. As universidades andaluzas presentan igualmente interese pola dualización dos seus estudos, con máis da metade das universidades con titulacións xa dualizadas. Entre elas destaca a Universidade de Almería (UAL), que desde hai unha década foi incorporando a dual a case todos os seus graos e unha parte dos seus mestrados (19 graos e 12 mestrados). O crecemento tamén é notable en Cataluña, onde a Universidade de Lleida (UdL) foi pioneira no despregamento da FDU (3 graos e 2 mestrados). A nivel xeral, en España dualizáronse 72 graos e 51 mestrados.
Na opinión de Vicent Climent-Ferrando, responsable de Proxectos na Fundación Bertelsmann e coordinador do estudo, o auxe da FDU en España débese a varios factores. “O primeiro radica na necesidade dun maior diálogo entre a universidade e as empresas. Non obstante, existe un segundo factor moito máis estratéxico que responde á realidade actual, altamente complexa e cambiante, que require pensar en novas profesións, coñecementos e tecnoloxías. As universidades son cada vez máis conscientes de que deben ser áxiles e incorporar formacións máis dinámicas que se adapten ao contexto actual e por iso comezaron a integrar a dual como modalidade formativa que pode dar resposta a estes cambios”.
Para Antonio Abril, presidente da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas, “a crecente demanda de titulacións adaptadas ao mercado laboral e a elevada taxa de desemprego xuvenil en España esixen a implementación de títulos duales en todos os niveis educativos. A dualización das titulacións, desde a Formación Profesional ata o grao e o posgrao, pode transformar positivamente a empregabilidade e competitividade do país. Para a súa implementación sería necesario asegurar que as universidades dispoñan de estruturas de apoio, tanto administrativas como académicas, para xestionar con éxito os programas duales”.
As enxeñarías, á cabeza da dualización
A radiografía tamén evidencia que existen distintos graos de implementación segundo os ámbitos de coñecemento. O campo da enxeñaría é o máis destacado, xa que neste momento aglutina o 64% dos estudos duales. Obsérvase así unha tendencia cara ao ámbito de coñecemento da enxeñaría industrial, enxeñaría mecánica, enxeñaría automática, enxeñaría da organización industrial e enxeñaría da navegación (27%), seguida polo ámbito da enxeñaría informática e de sistemas (18%) ou o da enxeñaría eléctrica, electrónica e das telecomunicacións (14%). Pola contra, os campos da arquitectura, construción, edificación, urbanismo e enxeñaría civil representan apenas o 2% dos estudos duales.
Por outro lado, a nivel internacional, constatouse un aumento no índice de emprego xuvenil nos países onde a FDU ten maior implantación. En Alemaña, onde a formación dual é unha parte fundamental do sistema educativo, tanto da Formación Profesional como da universidade, arredor do 70% dos estudantes que completan un programa de formación dual son contratados directamente pola empresa na que realizaron a súa formación. Estes bos resultados vén acompañados dunha reducida taxa de desemprego xuvenil (de 15 a 29 anos), que en 2023 foi do 5,5 %. En España, ese último dato en 2023 foi do 26,8%, aínda que a información sobre o efecto que a FDU pode ter sobre o emprego dos mozos é aínda moi incipiente.
Con todo, o punto clave que destacan os autores da radiografía é que se require dunha maior coordinación entre universidades, empresas e gobernos, xunto cunha regulación máis flexible e incentivos económicos, entre outros, para impulsar esta modalidade educativa en España. Máis especificamente, sinalan a necesidade de crear un marco de calidade unificado en Europa para asegurar a excelencia, comparabilidade e mobilidade internacional na FDU.
Tras máis dunha década de desenvolvemento da Formación Profesional dual en España, os datos non deixan lugar a dúbidas sobre a relación directa entre a formación dual, unha maior empregabilidade e satisfacción entre os estudantes. A profundidade e o alcance dos datos dan a entender que, lonxe de ser unha mera modalidade formativa, a formación dual iniciou o camiño de non retorno na universidade española.