Universidad Vigo

Primeira radiografía de Formación Universitaria Dual en España

A Formación Dual Universitaria (FDU) está a experimentar un notable auxe en España. Tras máis dunha década de desenvolvemento na Formación Profesional, a dual comeza a abrirse paso na universidade. Así o evidencia o primeiro estudo que analiza a situación deste modelo no territorio nacional, que destaca o feito de que unha de cada tres universidades españolas (o 37%) conta xa con algunha titulación dual, mentres que preto da metade (o 48%) ten plans de implementala. A análise, titulada ‘Radiografía da Formación Dual Universitaria en España’, foi promovida pola Fundación Bertelsmann xunto coa Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas e a Universidade de Mondragón e presentouse o pasado 14 de outubro en Madrid.

A diferenza das prácticas curriculares, na FDU a empresa ou entidade colaboradora participa, xunto coa universidade, na elaboración de parte do plan de estudos. A remuneración é obrigatoria e o tempo que o estudantado pasa na empresa/entidade formándose é maior que nas prácticas. Así, a conexión directa dos alumnos co mundo empresarial fai que estes estean máis capacitados para enfrontarse aos desafíos das transformacións sociais, tecnolóxicas e económicas no mercado laboral.

“Até hai pouco, a dual universitaria era unha característica propia do sistema universitario vasco”, afirma Jon Altuna, vicerreitor académico de Mondragon Unibertsitatea, “e estaba presente tamén de maneira puntual nalgúns centros universitarios, como a Universidade de Lleida ou a Universidade de Almería. Porén, observamos que o interese por esta modalidade formativa se foi estendendo recentemente ao conxunto das universidades españolas. Ante as perspectivas de maior empregabilidade e maior grao de satisfacción do estudantado, as universidades españolas comezan a mostrar un gran interese por incluír a dual na súa oferta formativa”.

Miguel Ángel Acosta
Miguel Ángel Acosta
Mesa redonda
Mesa redonda
Antonio Abril
Antonio Abril
Parte del público

O auxe da dual universitaria en España

Das 17 Comunidades Autónomas, 11 delas ofrecen actualmente estudos universitarios duales. País Vasco é, con diferenza, o territorio co maior número de titulacións deste tipo (30 graos e 17 mestrados), debido sobre todo á aposta de Mondragon Unibertsitatea, que se consolida como a universidade co maior número de titulacións duales e unha taxa de emprego dos seus alumnos do 91%. As universidades andaluzas presentan igualmente interese pola dualización dos seus estudos, con máis da metade das universidades con titulacións xa dualizadas. Entre elas destaca a Universidade de Almería (UAL), que desde hai unha década foi incorporando a dual a case todos os seus graos e unha parte dos seus mestrados (19 graos e 12 mestrados). O crecemento tamén é notable en Cataluña, onde a Universidade de Lleida (UdL) foi pioneira no despregamento da FDU (3 graos e 2 mestrados). A nivel xeral, en España dualizáronse 72 graos e 51 mestrados.

Na opinión de Vicent Climent-Ferrando, responsable de Proxectos na Fundación Bertelsmann e coordinador do estudo, o auxe da FDU en España débese a varios factores. “O primeiro radica na necesidade dun maior diálogo entre a universidade e as empresas. Non obstante, existe un segundo factor moito máis estratéxico que responde á realidade actual, altamente complexa e cambiante, que require pensar en novas profesións, coñecementos e tecnoloxías. As universidades son cada vez máis conscientes de que deben ser áxiles e incorporar formacións máis dinámicas que se adapten ao contexto actual e por iso comezaron a integrar a dual como modalidade formativa que pode dar resposta a estes cambios”.

Para Antonio Abril, presidente da Conferencia de Consellos Sociais das Universidades Españolas, “a crecente demanda de titulacións adaptadas ao mercado laboral e a elevada taxa de desemprego xuvenil en España esixen a implementación de títulos duales en todos os niveis educativos. A dualización das titulacións, desde a Formación Profesional ata o grao e o posgrao, pode transformar positivamente a empregabilidade e competitividade do país. Para a súa implementación sería necesario asegurar que as universidades dispoñan de estruturas de apoio, tanto administrativas como académicas, para xestionar con éxito os programas duales”.

As enxeñarías, á cabeza da dualización

A radiografía tamén evidencia que existen distintos graos de implementación segundo os ámbitos de coñecemento. O campo da enxeñaría é o máis destacado, xa que neste momento aglutina o 64% dos estudos duales. Obsérvase así unha tendencia cara ao ámbito de coñecemento da enxeñaría industrial, enxeñaría mecánica, enxeñaría automática, enxeñaría da organización industrial e enxeñaría da navegación (27%), seguida polo ámbito da enxeñaría informática e de sistemas (18%) ou o da enxeñaría eléctrica, electrónica e das telecomunicacións (14%). Pola contra, os campos da arquitectura, construción, edificación, urbanismo e enxeñaría civil representan apenas o 2% dos estudos duales.

Por outro lado, a nivel internacional, constatouse un aumento no índice de emprego xuvenil nos países onde a FDU ten maior implantación. En Alemaña, onde a formación dual é unha parte fundamental do sistema educativo, tanto da Formación Profesional como da universidade, arredor do 70% dos estudantes que completan un programa de formación dual son contratados directamente pola empresa na que realizaron a súa formación. Estes bos resultados vén acompañados dunha reducida taxa de desemprego xuvenil (de 15 a 29 anos), que en 2023 foi do 5,5 %. En España, ese último dato en 2023 foi do 26,8%, aínda que a información sobre o efecto que a FDU pode ter sobre o emprego dos mozos é aínda moi incipiente.

Con todo, o punto clave que destacan os autores da radiografía é que se require dunha maior coordinación entre universidades, empresas e gobernos, xunto cunha regulación máis flexible e incentivos económicos, entre outros, para impulsar esta modalidade educativa en España. Máis especificamente, sinalan a necesidade de crear un marco de calidade unificado en Europa para asegurar a excelencia, comparabilidade e mobilidade internacional na FDU.

Tras máis dunha década de desenvolvemento da Formación Profesional dual en España, os datos non deixan lugar a dúbidas sobre a relación directa entre a formación dual, unha maior empregabilidade e satisfacción entre os estudantes. A profundidade e o alcance dos datos dan a entender que, lonxe de ser unha mera modalidade formativa, a formación dual iniciou o camiño de non retorno na universidade española.

Compartir:

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ir o contido